INTOLERANCIAS ALIMENTARIAS

Nos últimos 15 anos duplicáronse a nivel mundial os casos de alerxias e intolerancias alimentarias, afectando a unha porcentaxe da poboación cada vez maior.

¿QUE É UNHA INTOLERANCIA ALIMENTARIA?

Unha intolerancia alimentaria é unha reacción adversa do noso organismo ante a inxestión dun alimento ou compoñente dun alimento, debido a que non o pode dixerir correctamente. Esta alteración pode ser xenética, e presentarse desde o nacemento, ou adquirirse co paso dos anos.

¿CALES SON AS PRINCIPAIS?

As dúas principais intolerancias alimentarias son:

Intolerancia ao glute (ou enfermidade celíaca): A persoa intolerante ao glute, tamén chamada celíaca, sofre unha lesión na mucosa do intestino delgado por unha inadecuada absorción do glute (proteína presente en cereais como o trigo, o centeo, a cebada e a avea).

Os principais produtos derivados en que se pode atopar glute son fariñas, bolaría, pastas, masas, bechamel, caldos, pan relado, embutidos, queixos fundidos, lambetadas, xeados, etc.

Intolerancia á lactosa : A persoa intolerante á lactosa (azucre presente no leite) produce pouca ou ningunha cantidade da enzima lactase, o que impide metabolizar e dixerir a lactosa, producíndolle un cadro sintomático gastrointestinal.

Os principais produtos en que se pode atopar a lactosa son derivados lácteos (xeados, batidos, flans, etc.), pastelaría e bolaría, pan de molde, caramelos, chocolate, turróns, sopas, salsas, croquetas, embutidos, etc.

¿CALES SON OS SÍNTOMAS?

Os síntomas dunha intolerancia alimentaria aparecen lentamente e son maioritariamente dixestivos: náuseas, diarreas, dores intestinais, cólicos e cefaleas, entre outros. Ao principio estes síntomas non adoitan asociarse aos alimentos inxeridos varias horas antes, polo que é habitual que estes alimentos se continúen a consumir, podendo provocar un trastorno gastrointestinal máis ou menos grave.

¿QUE PODO FACER PARA EVITAR ESES SÍNTOMAS?

As persoas con intolerancia ao glute e/ou á lactosa deben evitar o consumo de alimentos que conteñan estas substancias. Para iso é fundamental elixir coidadosamente os produtos que formarán parte da súa cesta da compra, tratando de adquirir aqueles nos que conste especificamente a declaración “sen glute” e “sen lactosa”.

¿QUE SIGNIFICA A DECLARACIÓN DE PRODUTO SEN GLUTE E/OU SEN LACTOSA?

Nos alimentos nos que figura a declaración “sen glute”, a normativa actual establece que non poden ter un contido de glute superior a 20 mg/kg. No entanto, para a declaración de alimentos “sen lactosa” non existe actualmente unha normativa reguladora en Europa que fixe o seu contido máximo, aínda que se utiliza como referente comunmente aceptado un contido de lactosa inferior a 100 mg/kg.

¿QUE INFORMACIÓN TEÑO NO ETIQUETADO DO PRODUTO?

Nos alimentos envasados débese fornecer información sobre a presenza de axentes que poidan causar alerxias ou intolerancias alimentarias, debendo aparecer estas substancias claramente resaltadas na lista de ingredientes do produto. En ausencia de tal lista, débese incluír a mención “contén” seguida da substancia alérxena (glute, lactosa, etc.). Ademais, calquera establecemento que sirva alimentos non envasados debe facilitar información ao consumidor sobre este aspecto.

¿QUE FACEMOS AO RESPECTO EN RIVERO? O NOSO COMPROMISO COA TÚA SAÚDE E BENESTAR

En Rivero estamos sensibilizados ante o avance dos casos de alerxias e intolerancias alimentarias na poboación, polo que toda a nosa gama de produtos está elaborada sen glute e sen lactosa, constando esta declaración visible no etiquetado de todos os nosos produtos. Deste xeito, podemos garantir un consumo seguro de calquera produto Rivero para as persoas celíacas e intolerantes á lactosa.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies